Nano ten diabetes
Os xoves hai función no Espazo Apego!
Había unha vez unha ra que non paraba de brincar, sempre cantaba contenta baixo o sol ata que un día todo cambiou… Nano xa non dá choutos, non canta, está triste e bebe auga sen parar. Que lle pasará? Nano ten diabetes. Este nanoconto vainos dar a coñecer a doenza que fixo que Nano, por uns días, deixase de dar choutos.
Un espectáculo que nos ofrece Raquel Queizás en colaboración coa Asociación de Nenas, nenos e xente nova con Diabetes de Galicia (Anedia), para dar a coñecer a doenza da diabetes no mes en que se celebra o seu día internacional.
De 0 a 4 anos
Para asistir é necesario inscribirse previamente neste formulario. Podes facelo desde unha semana antes da actividade ata o día anterior. As prazas asignaranse por orde de inscrición e recibirán confirmación por correo electrónico no enderezo que se indique. En caso de non poder asistir, pregámosvos que o comuniquedes no noso enderezo habitual (dlg@santiagodecompostela.gal). Unha mesma persoa adulta pode acudir con máis dunha crianza, sempre que poida termar que se manteñan dentro do espazo asignado para garantir as distancias de seguridade entre grupos familiares. No número de inscricións contarase unha praza por neno/a.
Para poder seguir as normas de seguridade, o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos) e será obrigatorio o uso de máscara para as persoas adultas.