Iluminando o Nadal
OS MÉRCORES A FAMILIA VAI Á ESCOLIÑA!
A experta en didáctica e métodos de investigación Almudena Alonso vainos aprender desta volta como iluminar o Nadal… Onde? Nun obradoiro tecnolóxico onde crearemos postais cheas de luz e de cor. Poderemos comprobar o doado que pode ser traballar a tecnoloxía con elementos sinxelos e desde a casa para darlle luz a unha postal. Fabricar elementos decorativos de Nadal, postais de bos desexos, coñecer técnicas novas... pode ser un entretemento marabilloso para estas datas!
Lembrade que nas descargas da páxina xeral do Apego podedes atopar tamén material para xogar co Apalpador, propostas de tarxetas de felicitación do Nadal...
Familias con crianzas de 3 a 6 anos.
Para asistir é necesario inscribirse previamente neste formulario. Podes facelo desde unha semana antes da actividade ata o día anterior. As prazas asignaranse por orde de inscrición e recibirán confirmación por correo electrónico no enderezo que se indique. En caso de non poder asistir, pregámosvos que o comuniquedes no noso enderezo habitual (dlg@santiagodecompostela.gal). Unha mesma persoa adulta pode acudir con máis dunha crianza, sempre que poida termar que se manteñan dentro do espazo asignado para garantir as distancias de seguridade entre grupos familiares. No número de inscricións contarase unha praza por neno/a.
Para poder seguir as normas de seguridade, o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos) e será obrigatorio o uso de máscara para as persoas adultas.