Festa do Apego 2019

Crianzas

A programación ofrece actividades continuadas e simultáneas e inclúe propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual, para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outras familias tamén interesadas na crianza en galego. Entrada libre e de balde ata completar a capacidade en cada espazo.

 

DIVULGACIÓN DE RECURSOS

Feiriña. Vestíbulo do Auditorio. De 12 a 14 e de 16.30 a 19.30 h

Sete postos nos que os servizos municipais directamente relacionados coas idades do programa Apego presentarán os seus programas propios (Departamento de Educación, Departamento de Centros Socioculturais e Programa Apego) e, ademais, catro espazos de empresas privadas para presentaren libros, música, xogos e outros materiais e servizos relacionados coa crianza: Libraría Couceiro, Gaia Ecocrianza, Xogos Brazolinda e Escola Semente.

Espazo Alíalí. Fabaloba. Espazo de recursos. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h

Unha oportunidade para saber de libros, música, xogos, xoguetes, aplicacións, materiais... cos que facilitar a crianza e a educación en galego, explicados e presentados de maneira amena para grandes e pequenos para poder, velos, tocalos e experimentar con eles.

 

MÚSICA

As parábolas de Pakolas. Paco Cerdeira. Sala Mozart. 12.30 h

Espectáculo de pequeno formato no que Pakolas interpreta en directo unha escolla dos seus temas para público infantil, con música en ton de rock e outros estilos e letras axeitadas ás idades. A música combínase coa narración dalgunhas historias e contos vinculados coas letras, que inclúen unha mensaxe final, formando unha parábola musical coa que aprender e na que pensar.

Todas as idades.

O veleiro verde. María Fumaça. Sala Ángel Brage. 19.30 h

Estrea dun novo traballo deste proxecto musical que celebra a vida e que naceu como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, un neno con diversidade funcional que forma parte dos artistas que encherán o escenario e que amosarán como a diferenza, vivida con normalidade, amplía os horizontes e fai o noso mundo máis grande.

Todas as idades.

 

TEATRO

Nube, nube, sol. Teatro ao Cubo. Sala Ángel Brage. 12 e 13 h

Este espectáculo métenos de cheo na diversión e na aprendizaxe de todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna. A través do corpo, da xestualidade, do conto e da música, Teatro ao Cubo achégalle á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da chuvia para que todo medre.

Ata 3 anos.

Patapatum. Elefante Elegante. Sala Mozart. 17 h

A música, as máscaras e os xestos dos personaxes, sen palabras, crean un universo cómico que viaxa do realismo á hipérbole da nosa vida diaria. Unha reflexión sobre o tempo, a infancia, e como enchemos os baleiros das nosas ausencias.

Sorpresas, agasallos, un monte de agasallos! As nenas e nenos emocionados non dan feito con tantos xoguetes e os adultos, ligados á espiral do tempo, cheos de compromisos e obrigas, non son quen de atopar un momento para compartir a fantasía dos pequenos.

A partir de 3 anos.

 

NARRACIÓN

Bichocas. Atenea García. Espazo de narración. Sala Isaac Díaz Pardo. 12 h

Os obxectos e as palabras fannos viaxar a través do mundo animal. As protagonistas das nosas historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.

Ata 3 anos.

Utopías. Atenea García. Espazo de narración. Sala Isaac Díaz Pardo. 17 h

Mundos invisibles que nos rodean e mostran outros xeitos de vivir: ratos na procura de novos camiños, rapazas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos...

Todas as idades.

Barquiño de pau. A Tropa de Trapo. Espazo de narración. Sala Isaac Díaz Pardo. 13 h

Teatro de obxectos e música cos que explorar os sentidos dunha maneira amena e coa participación das crianzas. O acordeón, a mandola portuguesa, o dizi chinés ou o propio corpo poñerán a música que acompañará as texturas da buguina, da auga, do papel, da tea... para recitar poemas, xogar coas palabras e debuxar ideas.

A partir de 3 anos.

O castiñeiro do Apalpador. Fantoches Baj. Espazo de narración. Sala Isaac Díaz Pardo. 18 h

Neste espectáculo, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba unicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chamaban o Apalpador, cóntalles aos miúdos por que no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.

A partir de 3 anos.

 

OBRADOIROS

Ninananas. Mercedes Prieto. Espazo movemento. Sala Isaac Díaz Pardo. 16.30 h

Oír e cantar, facendo os movementos que nos relacionan co noso bebé e cos outros bebés do mundo, que parecen moi diferentes pero que son moi semellantes porque todos transmiten un amor infinito.

Nais, pais e crianzas non andantes.

Zampadanzas do mundo. Mercedes Prieto. Espazo de movemento. Sala Isaac Díaz Pardo. 12 e 18 h

Un pequeno percorrido polas doces melodías que tranquilizan as crianzas de diferentes culturas.

A partir de 2 anos.

ObradoIro morcego. Xandobela. Espazo de obradoiros. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h

ObradoIro boliche. Xandobela. Espazo de obradoiros. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h

Dous espazos simultáneos nos que traballar coas mans e aprender a construír, con material de refugallo, ferramentas que nos axudan a pasalo ben, mentres falamos e socializamos.

A partir de 3 anos.

 

XOGO

Terra miúda. Miudiño. Espazo de xogo libre. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h

Un espazo cheo miles de pezas de materiais naturais cos que construír, amontoar, esvarar, rodar..., para deixar voar a imaxinación e experimentar sen límites.

Todas as idades.

Xogos de mesa. Brazolinda. Vestíbulo do Auditorio. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h

Unha oportunidade para coñecer e experimentar os beneficios dunha chea de xogos de mesa, deseñados e construídos con sentido educativo, cultural e lingüístico.

Todas as idades.

 

AUDIOVISUAL

Espazo de proxeccións. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h.

Proxeccións continuadas de pezas audiovisuais para as idades preescolares, coas creacións cedidas por OQO Editora (Caracois e Cocorico), Ficción Producións (Tutu), CTV Produtora (As aventuras de Minchi) e os vídeos do Apego (As aventuras de Po)

De 0 a 6 anos.

 

LIBROS

Espazo lector. Sala Isaac Díaz Pardo. De 12 a 14 e de 16.30 a 19 h.

Unha selección de libros infantís ao alcance da man para mirar e ler nun espazo cómodo e para que os nenos e nenas poidan pasar un anaco tranquilo interesándose pola literatura.

Todas as idades.

 

 

Dirixido a : 
Especialmente dirixida ao público obxectivo do programa Apego (de 0 a 6 anos).
Data, hora e lugar: 
Sáb, 28/12/2019 - 12:00
Auditorio de Galicia
Prazas: 
1000