Entrega de premios e festa 2022-2023
O 14 de abril, entre as 11.15 e as 13 h, celébrase no Auditorio de Galicia a gala final da VI edición do Enreguéifate, que conflúe con grande encontro da Regueifesta.
A entrega dos premios ás regueifas escollidas no certame 2022-2023 compartirá escenario cunha mostra das habilidades improvisadoras de alumnado galego e tamén do País Vasco e de Cataluña. Estará conducida polas regueifas de Manolo Maseda (mestre, músico e regueifeiro), Sechu Sende (mestre, escritor e regueifeiro), Olalla Liñares (regueifeira, mestra e música) e Lupe Blanco (regueifeira) e contará tamén coa actuación musical de O Rabelo e Hight Paw.
A gala Enguéifate-Regueifesta será unha mostra da onda expansiva que a improvisación regueifeira está experimentando no ámbito educativo grazas ás diversas iniciativas de recuperación e adecuación. Achegará participación directa de trinta centros de toda Galicia ás case 1000 persoas anotadas como público.
O Enreguéifate, nesta sexa edición, incluíu obradoiros de formación para profesorado e alumnado dos cinco concellos organizadores, ademais do certame de regueifas en vídeo cuxos premios se entregarán o venres 14. A participación sumou 40 propostas, entre as que o xurado escolleu as seguintes:
Categoría Xeral
- A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”
- A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”
- A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”
- A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”
- A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”
- A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”
Categoría Escolar
- A máis brava: Vivantistas de Dodro - “Interxerando”
- A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”
- A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”
- A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs - “Regueixornal”
- A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”
- A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño - “Rosalía”
A Regueifesta naceu no curso 2015-2016 co impulso de dous institutos -o IES de Baio e o IES de Vila de Cruces- e, co apoio da Asociación ORAL e da Escola Semente, e creou un pequeno movemento de dinamización do repente galego entre as novas xeracións. Este movemento, que procura identificar valores da sociedade actual -autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, visión internacional do idioma etc.- co uso normal da lingua galega nos espazos vitais da xente nova, é posible grazas á participación de ducias de centros de ensino -e profesorado comprometido- que fan uso da regueifa como ferramenta de transformación social. A festa da regueifa ou Regueifesta suporá o peche festivo a esta nova edición do proxecto.
O 14 de abril, entre as 11.15 e as 13 h, celébrase no Auditorio de Galicia a gala final da VI edición do Enreguéifate, que conflúe con grande encontro da Regueifesta.