Desvélanse as regueifas gañadoras na IV edición do Enreguéifate

Cartel Enreguéifate 2020
Crianzas
Xeral
22/06/2020

Enreguéifate é un proxecto organizado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino e que ano a ano vai recuperando e actualizando a regueifa como forma de creación e dinamización social.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar e que se anime a compartir as súas creacións en forma de pequenos audiovisuais. Presta especial atención ao ámbito educativo e por iso inclúe obradoiros para o alumnado e facilita accións formativas e outros recursos para o profesorado. Alén desta vertente, o programa ten como eixe central un certame de vídeo-regueifas e remata cun encontro final.

Esta edición do certame desenvolveuse coas adaptacións necesarias motivadas pola situación de confinamento producida por mor da COVID-19, entre elas o reforzo das actividades virtuais e a supresión dos obradoiros formativos presencias e da gala final de entrega de premios. Tendo en conta estas circunstancias, a organización quere transmitir a súa gratitude pola alta participación, xa que se recibiron un total de 27 vídeos a concurso, 16 na categoría escolar e 11 na xeral. As procedencias foron do máis diversas: O Grove, Tordoia, Donostia, Santiago, Lugo, Baio, Burela, Cangas, Ourense, Cotobade, Gondomar, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Teo, Mourente ou Baamonde.

Podíase participar no proxecto a través de dúas categorías, a escolar e a xeral. En ambas as categorías había premio para a regueifa máis aguda, a regueifa máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

O xurado estivo formado por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, profesor, escritor e regueifeiro; Lupe Blanco, regueifeira; Conchi Cochón, técnica de Normalización Lingüística e Vero Rilo, narradora oral.

O resultado final das súas deliberacións, a falta da gala final que pechou outras edicións, deuse a coñecer cun vídeo-recoñecemento, presentado por Séchu Sende como representante do xurado e acompañado polas Regueitubeiras.

Premios da categoría xeral:

  • A máis brava: De norte a sur - Localismos 2.0

  • A máis aguda: Trespés - Antítodo anti todo

  • A máis diversa. O xurado decidiu deixar deserta esta categoría porque o vídeo elixido excede dos 3 minutos de duración máxima que sinalan as bases. Malia todo, acordou facer unha mención a “Os Conxugadores”.

  • A máis reivindicativa: Regueifeires dos emojis - AGAL vs RAG

  • A mellor falada: As despistadas - Regheifa na casa!

  • A mellor cantada: Entre nós - Etioloxía do coronavirus?

 

Premios da categoría escolar:

  • A máis brava: Patakas Bravas - As linguas: patrimonio natural

  • A máis aguda: COV-Regueifeiras- COV-verán

  • A máis diversa: "Clase Rosalía". San Xoán de Filgueira - Regueifeir@s dispost@s a salvar o planeta.

Neta categoría, o xurado acordou tamén facer unha mención a María, participante do grupo Irmanciñ@s.

  • A máis reivindicativa: "Banda EcoTeo" - EcoRegueifa

  • A mellor falada: As rejeifeiras do Cabaso – As rejeifeiras do cabaso

  • A mellor cantada: As guardianas baiesas – A loita por un mundo mellor

 

Todas as regueifas participantes e gañadoras pódense ver tanto na páxina web do certame como na súa canle de Youtube.

 

Vídeo de presentación e recoñecemento das regueifas gañadoras:

Resumo: 

A organización agradece a alta participación alcanzada malia as especiais circunstancias en que se desenvolveu o certame.