Contos no parque

Contos no parque 2021
Crianzas
03/08/2021
Os martes de agosto, ás 18 h, na plataforma dos arcos do parque de Bonaval

 

Nun espazo perfecto ao aire libre temos unha cita cos contos á que acudir coa cativada para escoitar, participar e gozar con Apego.

Para seguirmos sendo prudentes, haberá limitación de prazas e, polo tanto, será necesario inscribirse previamente. Pode facerse desde o xoves anterior a cada cita en reservas.gal

Será obrigado levar a máscara e recomendamos tamén unha mantiña para sentar na herba!

Velaquí a programación:

 

Inacio Vilariño / “O espantamedos” / 3 de agosto

Idades recomendadas de 3 a 6 anos

O medo, a pesar de facernos vivir momentos indesexables, protéxenos de multitude de perigos e situacións que poden resultar prexudiciais. Por iso, desde sempre, os medos tiveron nome e imaxe. En Espantamedos propóñense un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, sobreviven na sociedade galega dos nosos días.

 

Pérez&Fernández / “Rosa e azul” / 10 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Unha sesión de contos teatralizados que celebra a diversidade e que rompe cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto desde que nacemos. A través da manipulación de xoguetes e monicreques artesáns, mesturaranse historias reais con contos de ficción que xiran en torno ao respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade.

 

Soraya Lema / “Aldara na montaña” / 17 de agosto

Idades recomendadas de 3 a 6 anos

Unha contada teatralizada que nos presenta a historia dunha nena que inicia a súa primeira viaxe lonxe da casa. Aldara, logo dunha discusión co seu avó, decide fuxir cara á montaña dos Penedos de Pasarela e Traba. Na súa travesía comparte viaxe coa señora Lebre e o señor Pallaso e coa axuda da Aguia consegue chegar ao fogar das estrelas. Inspirada nos poemas de Pondal, constitúe unha historia de superación e de busca da identidade propia poñendo en valor o noso patrimonio natural e cultural.

 

Magín Blanco / “O que levamos nas maletas” / 24 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Un contacontos musicado que axudará os nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e pola música para que poidan crear o seu propio universo creativo.

 

Teatro Ghazafelhos / “A caixa sen Pandora” / 31 de agosto

Idades recomendadas a partir de 3 anos

Unha historia que propón unha pregunta: que pasaría se Pandora non abrise a caixa? De aquí parte un repaso divertido de mulleres que decidiron romper coa norma establecida e abrir a súa propia caixa iniciando un movemento imparable pola igualdade. Quereremos nós abrir a nosa propia caixa?

Resumo: 

As actividades do Apego saen ao exterior no mes de agosto