Comeza a VI edición do Enreguéifate
O venres 7 de outubro presentouse na Casa da Cultura do Milladoiro a sexta edición do certame Enreguéifate, un proxecto conxunto dos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega.
O alumnado volverá ser o obxectivo prioritario deste programa, malia que se dirixe tamén ao conxunto da cidadanía. Nesa liña, o Enreguéifate comeza cunha actividade formativa para o profesorado, o venres 14 de outubro no Espazo Apego de Santiago de Compostela, un obradoiro cuxa inscrición xa se completou coas 30 prazas previstas e que será impartido polos regueifeiros e formadores Séchu Sende, Manolo Maseda, Lupe Blanco e O Rabelo. Nel, as persoas participantes afondarán no movemento social e educativo da improvisación oral en verso e aprenderán a traballar a regueifa na aula coa perspectiva cultural do século XXI.
Obradoiros de improvisación oral para o alumnado
Tamén neste mes de outubro comezan os obradoiros de improvisación oral para o alumnado, que se van desenvolver ata decembro nos centros de ensino dos cinco concellos impulsores do proxecto. Estas accións formativas teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, que fomenta a capacidade de articular un discurso improvisado e traballan habilidades como a escoita ou a atención e o respecto pola persoa interlocutora, como unha potente ferramenta para o desenvolver a autoconsciencia, a seguridade e a autoestima nunha etapa de conformación da identidade de cada persoa.
Certame Enreguéifate 2022-2023
Outra das principais accións do Enreguéifate 2022-2023 é o certame regueifeiro, aberto ao conxunto da cidadanía galega. Un concurso que ten como obxectivo que estudantes e público en xeral se apunten á práctica da arte da improvisación oral en verso e na nosa lingua enviando un vídeo no que, cando menos, aparezan dúas persoas regueifando. O prazo para participar no certame estará aberto dende o 10 de novembro deste ano ata o 10 de marzo de 2023 e a inscrición pode facerse a través da páxina web do proxecto, onde están xa dispoñibles as bases.
Esta sexta edición volverá incluír dúas categorías no concurso: xeral e escolar, con seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.
Gala conxunta do Enreguéifate e Regueifesta
Os premiados coñeceranse a finais de marzo e recibirán o galardón na gala final, prevista para o venres 14 de abril no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Un acto que, segundo anunciou o docente e regueifeiro Séchu Sende, suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.
Ademais das concelleiras de Teo, María López, e de Ames, Escarlata Pampín, tamén participaron na presentación o regueifeiro e docente, Séchu Sende, e a regueifeira e formadora, Nuria Penas. Sechu Sende destacou a calidade da nova xeración de regueifeiros e regueifeiras que está achegando valor a esta arte de improvisación oral en verso, contribúe á promoción do uso da lingua galega e ase suma ao momento social que se creou arredor da regueifa. Pola súa parte, Nuria Penas destacou o interese de que proxectos deste tipo conten co apoio de institucións porque contribúen a darlle visibilidade á regueifa e a poñer en valor esta arte. Ao final do acto, a parella regueifeira tivo tamén ocasión de facer unha demostración da súa habilidade improvisadora.
Obradoiros de formación para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro de regueifa