Cincocent@s nov@s regueifeir@s!

Xeral
15/03/2019

A convocatoria 2019 do Enreguéifate comeza en Compostela con moi boas expectativas para o medre da regueifa.

A partir do 1 de abril case 500 rapaces e rapazas van participar nos 19 obradoiros organizados coa colaboración de varios centros de ensino.

O calendario, elaborado con base nas súas propias solicitudes, inclúe obradorios en tres centros de primaria (CEIP das Fontiñas, CEIP Lamas de Abade e CPR Vilas Alborada) e outros tres de secundaria (IES Antonio Fraguas, Eduardo Pondal e A Pontepedriña).

Cada un destes obradoiros ten unha duración de 90 minutos e estará guiado por Lupe Blanco e Josiho da Teixeira, experiementados regueifeiros e imiplicados no movemento de recuperación que se está a impulsar desde hai algúns anos.

Os obradoiros Enreguéifate enmárcanse dentro do proxecto homónimo promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. A finalidade destas accións formativas é que o alumando aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa para contribuír á revitalización do repente en Galicia e, a través del, do uso da lingua na mociade. Ademais, enfócanse cara á participación no certame Enreguéifate, no que se convoca unha categoría específica para o ámbito escolar.

 

 

Resumo: 

Do 1 de abril ao 3 de maio desenvolveranse 19 obradoiros en centro de ensino que animarán a participación no certame Enreguéifate.