Actividades infantís con Apego para xullo e agosto (2019)
Chegou o verán e con el os días que avanzan lentamente para quedar gravados nas cabezas das máis miúdas como se merecen. Cal caracois, transcorren paseniño deixando nas súas vidas unha pegada brillante de risas, xogos, carreiras, pantalóns curtos e amizades eternas. Con cada primeira raiola de xullo, as que xa non somos tan nenas botamos os cornos ao sol e a ollada atrás para lembrar tamén aqueles nosos días lentos e brillantes. Pasar tempo en familia, xogar, pasear xuntos, conversar… é a mellor maneira de percorrermos ese camiño de volta á infancia.
En Compostela facémosvos algunhas propostas para pasarmos os días brillantes de verán. Animádesvos?
- Martes de Contos no parque de Bonaval. Unha cita semanal cada martes de xullo, onde podermos imaxinar o mundo que queremos con Atenea García e a súa Estrafalaria; atoparnos tenramente cos Contos miudiños de Charo Pita; enrolarnos nunha navegación sensorial con Canta, buguina, canta! de Marta Ortiz; recibir o Paroleiro dos Contos de Pablísimo; ou pasar a tarde enredando cos Xogos Paporrubio de Luchi Iglesias.
- Como en anos anteriores, continuamos quedando todas as mañás do mes de agosto querendo facer A rúa nosa! Territorio xogantín, para enredar durante dúas horas libremente baixo a guía e coidado de Xandobela e para seguir con esas amizades que tanto lembraremos cando os veráns xa non sexan tan brillantes.
- Xogaremos a ser detectives buscando as marcas de pedra que hai pola cidade e o seu significado en familia. Será unha boa forma de coñecer o lugar de onde somos e a cultura que nos rodea. Esta é a proposta bimensual do folleto do Apego compostelán.
Gozade do verán en galego coas vosas crianzas!
A información completa en no folleto deste meses.
A programación para atopármonos coa lingua nos meses de verán.