Actividades do Apego en febreiro
Retomamos a programación no Espazo Apego este mes de febreiro con algún cambio nas actividades de continuidade: os mércores incorporamos unha proposta para a cativada máis cativa, tamén arredor do xogo, como viñamos facendo cos maiores de 5 anos, que poderán seguir tendo o seu espazo propio. Os martes continuaremos cos contos e os xoves seguiremos dedicándoos aos contidos máis artísticos. Este mes tamén acollemos dous obradoiros organizados pola Concellaría de Acción Cultural e a Asociación Semente.
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e experimentar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente e en dous horarios: de 17 a 18 h para menores de 3 anos e de 18.15 a 19.15 para 3 a 6 anos.
Martes 7. O Entroido e as máscaras
Martes 14. Que ricos os bicos
Martes 28. De que cor é a sopa?
Enredando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6 anos, sen acompañamento dunha persoa titora, e para menores de 3 anos con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción. Comezaremos o mes coas máscaras do Entroido tradicional e os disfraces e divertirémonos tamén coas froitas do inverno…
Mércores 1.
Mércores 8
Mércores 15
Mércores 22
Bichocas, de Xarope Tulú
Xoves 9 / 18 h / Espazo Apego
Espectáculo no que viaxaremos cos obxectos e a palabra a través do mundo animal. As protagonistas das historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.
(1 a 6 anos)
Ondamini, con Gloria Mosquera e Diego Maceiras
Xoves 23 / 18 h / Espazo Apego
Espectáculo no que Mamá Cabra fai un casting musical. Buscan nenas e menos con enerxía de cabra, ritmo de cabra e moitas, moitísimas ganas de facer a cabra! Cancións para movernos, para bailar e para cantar. Un repertorio interactivo que busca a participación e o xogo coa música.
(1 a 6 anos)
Obradoiro de atranques do Entroido da Ulla
Sábado 18 / 11 h / Espazo Apego
Coñeceremos o Entroido da Ulla e cantaremos vivas e atranques con cabaliños de goma e espadas imaxinarias. O obradoiro, impartido por Séchu Sende, profesor da materia de Regueifa e improvisación oral en verso, ten como obxectivo que as crianzas se sintan protagonistas do Entroido e recoñezan os elementos principais dos atranques –personaxes, coplas, vivas, humor etc.- aprendendo estruturas básicas da oralidade e compoñendo as súas propias vivas e estrofas.
(+ 5 anos)
Obradoiro de chapeus de xeneralas
Sábado 18 /12.30 h / Espazo Apego
Neste obradoiro de artes plásticas orientado pola Asociación Semente Compostela elaboraremos con materiais sinxelos un chapeu coma o que usan os xenerais e xeneralas do Entroido da Ulla.
(+ 3 anos)
Incorporamos unha nova proposta para a cativada máis cativa