Actividades con Apego para o mes de abril

Proposta Apego. Abril 2021
Crianzas
30/03/2021

 

Adiante coa voda que eu son tecedeira! Un recitado e mais un xogo de dominó permitirannos falar das profesións antigas e actuais… Preparadas?

Neste mes de abril propoñémosvos que cubrades o calendario coas actividades do Espazo Apego nas que vos inscribades e que xoguedes na casa ás profesións. Tamén vai o recitado popular do piollo e a pulga para lembrar a que se dedicaba cadaquén e como conseguiron festexar a súa voda… Agardamos que o padriño fose devolto!

 

Desta volta reaxustamos unha vez máis as actividades no Espazo Apego. As funcións volven aos xoves. Estade atentas aos días propostos para cada unha delas!

MARTES. Tardes de contos (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h. Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

MÉRCORES. Xogos de palabras (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h. As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvenos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

XOVES. Imos propoñendo, de xeito alterno por semanas, una función ou un obradoiro Enredando.

Xoves de función ás 17.30 h:

  • 8 de abril "Contos no medio do mar" de Pavís Pavós (maiores de 3 anos). Rosalino da Moureira era un home de mar. O que máis lle gustaba neste mundo eran os barcos, aínda que nunca subira a un.
  • 22 de abril “Derriba da lúa” con Vero Rilo e Sonsoles Penadique (de 0 a 4 anos). Espectáculo-obradoiro de narración oral e música para arrolar, contar, cantar, xogar xuntas e para medrar libres.

Xoves en que non hai función ás 17.30 h:

Enredando (de 2 a 6 anos). Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...

VENRES. Obradoiros para medrar (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h. Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza en paquetes mensuais para irmos tratando e afondando en temas de especial interese nas idades máis temperás. Combinamos o seu xogo coa nosa aprendizaxe. Para estas actividades non hai límite no número de persoas adultas por crianza.

Os temas deste mes son: a linguaxe plástica e a expresión musical. Os obxectivos: potenciar a expresión artística libre e aprender a empregar a música para contribuír ao benestar das crianzas. Os obradoiros:

  • 9 de abril “Pintamos cos dedos”
  • 16 de abril “Amasamos”
  • 23 de abril “Construímos un instrumento”
  • 30 de abril “Construímos un instrumento”

A inscrición para os venres do mes de abril farase desde o día 1 ata o 8 a través do seguinte formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

 

Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa nesta mesma páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Pregamos que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza.

Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Os formularios estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de quince minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.

Descargade o calendario para xogar e tamén para anotar as actividades nas que estades inscritas e gozade coas vosas crianzas!

 

Resumo: 

Adiante coa voda que eu son tecedeira!