Actividades con Apego de maio e xuño (2019)

Crianzas
01/05/2019

Para lembrarmos a figura de Antonio Fraguas, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, propoñemos visitar o Museo do Pobo Galego, onde deixou a súa principal pegada e que acolle elementos importantes da nosa historia, o noso patrimonio, a nosa cultura e, en definitiva, a nosa identidade, nós.

Ademais, estes meses están marcados por datas importantes como o Día do Traballo e os maios no comezo do mes, as festas da Ascensión ou a Semana do Libro de Compostela (SELIC).

As actividades infantís enchen esta primavera en Compostela, pois continuamos con propostas tan exitosas como as Tardes xogantinas dos mércores para socializar en galego a través do xogo e aumentamos oferta neste campo co Xogo heurístico e con Construíndo minimundos.

Haberá diversos obradoiros pero destacamos especialmente o de narración oral Había unha vez…, onde descubrir novas e vellas técnicas para contarlles contos ás crianzas.

Encontraredes tamén contos, cantos e cantacontos con xente coma Sole Felloza, Caxoto, Inácio Vilariño, Anxo Moure, Charo Pita, Lydia Botana… e para as máis pequeniñas os Contos do chupete de Migallas e o noso querido Pablo Díaz cos seus Cantacontos.

Ademais das destacadas, hai programadas unha chea de actividades. Mirade, mirade!!!

Podedes atopar o folleto completo durante a súa vixencia no microespazo apego.santiagodecompostela.gal ou descargalo na ligazón que engadimos abaixo.

Resumo: 

Antonio Fraguas, contos, cantos... e moito máis para cando os días máis longos do ano!