XXIII edición dos Premios Manuel Beiras
O Concello e a Cámara de Comercio convocan a XXIII edición dos Premios Manuel Beiras e, para lembrarnos que está aberto o prazo para presentarmos candidaturas, inician unha campaña divulgativa.
Neste 2022, as accións publicitarias xiran arredor do lema PRENDE O GALEGO. BRILLA CON LUZ PROPIA. Tendo en conta a crise enerxética actual e as dificultades e esixencias que provoca, buscamos chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua, un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade.
Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas candidatas. Nea web dos premios, www.premiosmanuelbeiras.gal, atópanse as bases e toda a información necesaria.
A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida destes datos, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal) que, ademais de incluír un autodiagnóstico contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria para o que a web dos premios incorpora unha guía sobre o que o xurado necesita saber. A organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.
A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 19 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h. A gala estará conducida polo grupo Os da Ría.
Está aberto o prazo para formular propostas de empresas candidatas