Preséntase a primeira campaña de Alingua

Xeral
23/03/2022

O Concello de Santiago, xunto con outros 17, forman Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma, fomentando así a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede.  O pasado luns, 21 de marzo, tivo lugar a presentación pública desta agrupación no Auditorio de Galicia, en Santiago, nun acto no que participaron o presidente actual da entidade, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, a concelleira de normalización lingüística de Ames, Escarlata Pampín e o concelleiro compostelán de políticas lingüísticas Rubén Prol.

Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”.

A concelleira de Política Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, encargouse de detallar as principais metas desta asociación. “Alingua vén para quedar e vén co obxectivo de se converter nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”, sinalou Pampín ao tempo que adiantou que a entidade “aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais” e “facilitará a xestión dos programas”. 

Finalmente, Rubén Prol centrouse en presentar a filosofía da campaña coa que a asociación comeza a súa andaina pública.

Do nome da asociación xorde "alinguar", verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. O vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez. A campaña conta tamén con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”,  “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua. 

‘Alingua aí!’

A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.

O conxunto desta primeira iniciativa pretende, en palabras de Rubén Prol, concelleiro de Política Lingüística de Santiago de Compostela, transmitirlle á sociedade ilusión por un idioma a través do cal “nos identificamos ante o mundo”. “En Alingua queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos”, sinalou Prol antes de engadir que a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega busca “ser expansiva” e “convida a espertar os sentidos á lingua”. 

 

 

Resumo: 

Alingua preséntase cunha campaña nos medios e nas redes, sorteos para restaurantes do Grupo Nove ou a implicación de personalidades da sociedade como a actriz Mela Casal, o xornalista Gonzo, a artesá Elena Ferro ou o intérprete Xosé A. Touriñán.