O comercio local sabe de que fala

Empresas
27/06/2022

O proxecto de VIDEOCONSELLOS procura chamar a atención sobre o comercio local e o valor que engade aos actos de compra grazas á súa sabedoría e ao trato directo e na nosa lingua. 

O público, potencial comprador, é o piar fundamental do seu éxito. Queremos que perciba ese valor e que o teña en conta nas súas escollas. Para contribuír a isto, acompañámolo ao espazo virtual, onde moitas veces andamos buscando o que temos tan preto, para compartir ese coñecemento útil.

Os VIDEOCONSELLOS #EuMercoAquí #galegoempresas pretenden reforzar a autoestima polo propio poñendo o foco nos elementos diferenciais do comercio de proximidade, na calidade, no trato directo, na comunicación e na lingua que o vincula coa comunidade. As persoas que nos atenden cando entramos nun negocio son as que mellor nos poden transmitir consellos útiles no noso día a día relacionados co seu sector e cos produtos que ofrecen. Queremos invitalas a que os compartan e a que demostren que paga moito a pena escoller o local.

O proxecto lánzase con vinte audiovisuais xa editados, para os que se abre unha canle en Youtube (Videoconsellos #EuMercoAquí e #galegoempresas). Tamén se poderá acceder desde as páxinas dos dous departamentos implicados, Comercio e Lingua, e desde a web #galegoempresas, o directorio que se creou para divulgar e localizar negocios que ofrecen servizo na nosa lingua, e a través doutras redes sociais ás que se estende a campaña.

A estes primeiros vídeos pódense sumar moitos máis con todo o contido que o comercio local queira compartir. A través dun formulario sinxelo poderanse enviar propostas de vídeos xa editados ou de proxectos. 

Os vídeos editados deberán ter certa calidade, estar en galego, e achegar contido informativo de utilidade para o público (consello). Tamén se poderán enviar proxectos (ideas e establecementos para novos contidos) entre os que o Concello poderá seleccionar novas producións de videoconsellos. 

 

Resumo: 

Procuramos afianzar o vínculo entre a xente de Santiago e o noso comercio, falando nunha lingua que nos é común, que nos identifica e na que mellor nos entendemos