Atopando Compostela

WEB
Xeral

Antes de dispoñer de mapas ou doutros sistemas de información xeográfica, o xeito para orientarnos e indicar calquera lugar, desde unha parroquias ou un lugar ata unha volta do camiño, unha leira, outeiro, fonte..., estaba baseado na toponimia. A riqueza dos nomes de lugar é inmensa e, precisamente pola súa función de sinalizadores, trátase de palabras que mudaron moi lentamente a través do tempo e nos permiten coñecer a historia dos lugares que nomean e da lingua da xente que os habitou.

 

É importante que aprendamos a toponimia como parte do noso patrimonio inmaterial e que a respectemos como un verdadeiro tesouro. Este respecto evitará que deturpemos os nomes de lugar ou que fiquen borrados da memoria colectiva cando a ocupación do territorio muda e se fai máis urbana.

 

Para familiarizarnos coas denominacións que as galegas e os galegos lles fomos dando ao espazo que habitamos, o Concello de Santiago encargou en 2011 a creación dun xogo didáctico que ten como obxectivo mellorar o coñecemento e a conciencia sobre a riqueza toponímica de Compostela en particular e de Galicia en xeral.

 

Este recurso, Atopando Compostela, na súa versión como xogo de mesa está distribuído nos centros escolares e sociais do municipio e no Departamento de Lingua contamos con algúns que poden ser prestados a persoas ou entidades interesadas.

 

De xeito complementario, elaborouse tamén unha unidade didáctica que está dispoñible aquí.

 

En 2018 presentouse a versión dixital de Atopando Compostela, un recurso que agora está permanentemente accesible a través da rede para ser usado desde calquera dispositivo, co que é posible ampliar o coñecemento sobre o termo municipal de Santiago, saber máis sobre a orixe dos nomes de lugar e pasar un anaco entretido xogando de maneira individual ou competindo con outras persoas.

Dirixido a: 

Educación secundaria
Público en xeral