Club de debate

Ensino

Unha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión, o debate sobre temas de actualidade e o traballo en equipo.

 

Crea espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través de xornadas de formación, traballo de investigación e ensaio, e intensas xornadas de debate con tempo para o lecer.

 

Oriéntase ao estudantado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, coa axuda de profesorado que prepara os equipos. 

 

Cada equipo está formado por un grupo mixto de alumnado (entre 4 e 10 membros) que traballa durante varias semanas na preparación dun tema para defendelo na xornada de zona, sempre argumentando as dúas posicións: a favor e en contra. Antes de comezar a súa preparación, os equipos de cada zona asisten conxuntamente a unha sesión formativa na que se familiarizan co desenvolvemento dos debates e tamén reciben orientacións relacionadas coa comunicación oral.

 

O xurado que valora os debates, formado por especialistas en comunicación desde diferentes ámbitos, emite as súas puntuacións para cada equipo ao final da xornada con base nun amplo número de ítems previamente coñecidos. Os dous equipos mellor clasificados de cada zona reciben cadanseu premio de contido cultural, valorados en 500 e 300 euros, e o equipo gañador absoluto goza dunha fin de semana de convivencia nun espazo multiaventura onde entra en contacto con outras realidades lingüísticas e realiza diversas actividades de animación sociolingüística e cultural.

 

Todo o desenvolvemento das sesións e a súa valoración se recollen con detalle no regulamento que rexe a actividade.

 

Curso 2024-2025

  • Inscrición para conformar equipos ata o 25 de novembro neste formulario.
  • As datas definitivas das diferentes fases aínda están por confirmar. Achéganse aproximacións:
    • Xornada formativa entre o 13 e o 17 de xaneiro.
    • Fases previas: semana do 24 de febreiro
    • Fase final: 26 de abril
    • Premio final (excursión): no mes de maio.

 

Dirixido a: 

Centros de ensino de secundaria. Para alumnado de 3º e 4º da ESO ou 1º de BAC (ou cursos equivalentes)