Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas gañadoras da XXV edición dos Premios Manuel Beiras
Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou baixo o lema "En galego, empresa/comercio + intelixente". Recibiron na tarde do 2 de decembro os galardóns nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.
Ela Diz foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. Na súa decisión, o xurado tivo en conta ser un “exemplo de integración e respecto á cultura de acollida” por parte de quen abriu un negocio de moda responsable proveniente de fóra de Galicia. Valorouse especialmente a proxección que fai “tanto da lingua como da tradición galega cara a un público tamén comprometido co pequeno comercio”.
Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Toxo Telecom. Na súa decisión, o xurado tivo en conta o “valor diferencial” co que utiliza a lingua esta operadora de telecomunicacións recentemente implantada en Compostela. Valorouse que o fai “cunha comunicación en clave de humor e próxima á clientela” e tamén “coherentemente como soporte de traballo interno”.
Finalmente, a categoría de comunicación innovadora foi para Chichalovers. A nova “bocatería, hamburguesería e tenda de cadea curta”, que “vincula a produción dunha granxa familiar co Mercado de Abastos e logo co establecemento” “pon en valor o territorio, o produto de proximidade e a nosa cultura cunha comunicación orixinal e desenfadada” segundo a valoración do xurado.
‘En galego. Empresa/comercio +intelixente’
Neste 2024, as accións publicitarias da XXV edición dos Premios Manuel Beiras convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio xiraron arredor do lema ‘En galego. Empresa/comercio +intelixente’. Tendo en conta que a intelixencia artificial (IA) vai camiño de converterse na nosa principal aliada pola súa eficiencia e rapidez á hora de dar respostas intelixentes e tamén que a IA ten claro que a lingua é un valor positivo nas relacións comerciais, facilita a conexión e achega confianza, procurouse chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua. O galego é un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade. Así o entende a IA e moitas empresas que o empregan de xeito habitual na súa comunicación.
O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, que o presidiu; Manuel Rial Amado, da Cámara de Santiago de Compostela; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Lingua; Ernesto Xosé González Seoane, da Universidade de Santiago de Compostela; Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; Ainoha Apestegui Beriain, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Juan Soriano Barceló, de Entrelampo, Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2023; Ramón Salgado Fuentes, de Limpezas Salgado, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2023; e Xurxo López González, de ENova-Enerxía, Premio Manuel Beiras á innovación no uso da lingua galega 2023
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 para lanzar unha convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.
Foto de familia
Premio Manuel Beiras 2024 ao uso continuado da lingua galega: Ela Diz
Premio Manuel Beiras 2024 de nova incorporación á lingua galega: Toxo Telecom
Premio Manuel Beiras 2024 cunha comunicación innovadora: Chichalovers
En galego, empresa/comercio +intelixente