Abre a inscrición nos Premios Youtubeiras+ 2024

Xeral
26/09/2024

Os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok

Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán  7500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público.

O prazo de inscrición está aberto desde o 24 de setembro até ás 23.59 horas do 15 de novembro.

As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro de 2025 foron as novidades que se anunciaron na reitoría da Universidade da Coruña, na rolda de presentación da edición 2024-2025 á que asistiron representantes das administracións organizadoras.

A oitava edición dos premios desenvólvese baixo o lema “Fachenda ao cadrado", que resume os obxectivos desta convocatoria onde os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen. “Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”, segundo se explicou na presentación.

Novas incorporacións e novas bases

Nesta edición cóntase con novas institucións que se suman ao proxecto colectivo. Como iniciativa viva, “Youtubeiras+ evoluciona e cambia constantemente” e dentro desas mudanzas tamén se inclúen os cambios que se producen cada ano no núcleo organizador. Os concellos de Ferrol, Oleiros e Narón súmanse aos de Ames, Carballo, Moaña, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, ás universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e á Deputación da Coruña para impulsar Youtubeiras+.

O prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23.59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

 

7500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

Datos de edicións anteriores

En 2023, participaron 68 canles de YouTube con vídeos que supuxeron máis de 32.000 novos minutos en galego en YouTube. Isto supuxo abrir novos camiños para a lingua, pero tamén para a creación artística, para a divulgación e para o tratamento dunha gran variedade de temáticas.

O repaso de cifras desde a posta en marcha de Youtubeiras… En 2017, ano da primeira edición, rexistrouse unha participación de 202 vídeos, mentres que en 2020 se acadaron os 536. A partir de 2021, os galardóns centráronse nas canles máis que no groso dos vídeos. Así, en 2021 presentáronse 38 canles e en 2022 concorreron 75.

O xurado e formación

O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

As actividades formativas de Youtubeiras+, xa que este proxecto un ano máis transcende os lindes da convocatoria dos premios, terán o título Fiadeiros dixitais. Impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke. 

Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.

 

Resumo: 

Os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok