Presentación de Compostela e as orixes da lingua

Paseo lingüístico
Ensino
Xeral
23/04/2024

Compostela e as orixes da lingua é un paseo lingüístico que ofrece unha andaina sobre as orixes de Santiago de Compostela e a súa relación coa lingua galega.

Durante dúas horas e facendo doce paradas poderase descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social... A ruta comeza na praza da Pescadería Vella, remata na de San Fiz de Solovio e apóiase en diferentes recursos para facilitar a contextualización e a audición.

O primeiro paseo de estrea ofrécese ao público xeral con inscrición previa no seguinte formulario, que permanecerá aberto ata completar as 30 prazas (recibirase un correo de confirmación nos seguintes días). Será o sábado 4 de maio ás 11 h desde o punto de partida na praza da Pescadería Vella. Como as prazas para este paseo se esgotaron nas primeiras horas, convócase unha segunda quenda o sábado 11 de maio á mesma hora, no mesmo lugar e co mesmo método de inscrición (cubrindo o formulario anterior) para aproveitarmos as solicitudes que quedaron en agarda.

Obxectivos:

• Divulgar a orixe e a diversidade do desenvolvemento do idioma.
• Fomentar a reflexión sobre o potencial do galego na sociedade actual.
• Dar pistas sobre as orixes de Santiago de Compostela e a súa relación coa lingua galega.

Os paseos posteriores normalmente solicitaranse no correo dlg@santiagodecompostela.gal a comezo de curso, entre o 15 de setembro e o 31 de outubro, indicando os seguintes datos: centro ou colectivo, curso (se é o caso), número de persoas, datos da persoa responsable (nome, teléfono, correo electrónico) e día e hora de preferencia. Estarán dirixidos a: grupos aula de 4º de ESO a 2º de BAC ou a público adulto organizado en grupos de entre 15 e 30 persoas.

Resumo: 

Un paseo guiado para falarmos da cidade e da lingua galega