Premios Mil Primaveras

Xeral
07/06/2021

O sábado (5/06/2021) celebrouse en Pontevedra a entrega dos Premios Mil Primaveras, que outorgaron nesta edición un recoñecemento a dous dos nosos programas:

Premio ao mellor proxecto estabilizado: Enreguéifate e Regueifesta

O proxecto colectivo Enreguéifate e Regueifesta desenvólveno conxuntamente os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os docentes promotores da Regueifesta. Consiste nun concurso de improvisación oral en vídeo, que se complementa con formación en centros educativos e unha unidade didáctica, co obxectivo de crear novos ámbitos de uso en galego para a mocidade asociados á creatividade. Cada nova edición adoita clausurarse coa Regueifesta, unha actividade lúdica e festiva arredor da regueifa. Neste momento está aberta unha nova edición do concurso Enreguéifate.

O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral, moi necesario para recuperar a lingua. Tamén se valorou que é unha iniciativa que se relaciona con proxectos semellantes fóra de Galicia e que é un proxecto que cada ano ten maior proxección, cunha imaxe moi coidada, atractiva e fresca. Así mesmo, recoñeceuse a importancia de que sexa un proxecto onde colaboran diferentes servizos de normalización lingüística e que implica de forma especial os centros educativos.

 

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: Galegoempresas

Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. É unha plataforma web para dar visibilidade aos negocios que incorporan o galego nos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo. Favorece a autoavaliación e a reflexión sociolingüística das entidades que forman parte da plataforma. Tamén serve para coñecer as necesidades e circunstancias do ámbito socioeconómico e poder programar intervencións desde os SNL destinadas a este sector.

O xurado escolleuno como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. A boa xustificación da necesidade desta iniciativa chamou a atención do xurado, que destacou que con ela se promove o uso do galego en diferentes ámbitoslaboral, comercial, empresarial… Así mesmo, valorou a ferramenta de autodiagnose das propias empresas, o que permite que elas mesma reflexionen sobre a súa política lingüística e avancen conscientemente nun maior uso da lingua. Tamén se salientou a boa comunicación e a dotación de recursos para as empresas.

 

Desde o Departamento de Lingua enviámoslles moitos parabéns a todos os demais proxectos premiados e o noso agradecemento ao xurado e á Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua por organizar os premios!

 

Resumo: 

Recoñecemento a Enreguéifate Galegoempresas