Youtubeiras 2021: centrándonos nas canles e na formación en liña

Xeral
31/05/2021

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa quinta edición cos obxectivos de fomentar a creación e mantemento de canles en Youtube, así como de afondar na formación técnica para as persoas creadoras de contidos en lingua galega na Rede.

Baixo o lema Magnetismo en liña, a iniciativa volverá repartir un total de 7.500 euros en premios nas doce categorías nas que se divide o certame. O concurso estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.  O prazo de inscrición abrirase o 10 de setembro e as bases deste ano pódense consultar xa na web www.youtubeiras.gal

Os Premios Youtubeiras, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar  as/os youtubeiras/os en galego, ofrecerán unha serie de sesións formativas para procurar a mellora da calidade técnica dos vídeos, por unha banda, e, pola outra, para dotar as persoas creadoras de ferramentas globais para a súa actividade. Deste xeito, a formación será nesta quinta edición máis especializada que en anos anteriores.

O primeiro dos cursos en liña chegará o vindeiro 18 de xuño e correrá a cargo de Xoán Escudero, técnico de son e realizador audiovisual, que compartirá co alumnado diferentes mecanismos para perfeccionar a técnica sonora e as gravacións dos vídeos no Youtube. Ademais, ao longo do ano realizaranse outras sesións nas que se abordarán cuestións de diferente índole, como son os aspectos legais e os dereitos de propiedade intelectual ou de posicionamento da creación dixital nesta rede. A inscrición para a sesión de Son e Youtube, xa está aberta a través do formulario que se atopa na web www.youtubeiras.gal. Os cursos terán as prazas limitadas e impartiranse de forma telemática para adaptarse á situación sanitaria.

Primar as canles  

Nesta quinta edición dos Premios Youtubeiras, a organización quere fomentar a creación e o mantemento de canles, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores. Esa será a gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras que, por segundo ano consecutivo, se dividen en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.

Un xurado profesional escollerá as propostas premiadas, agás no caso do premio do público. Neste apartado, os/as seguidores/as serán quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As suxestións poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 22 de outubro de 2021.

 

Resumo: 

Os galardóns, que este ano teñen como lema ‘Magnetismo en liña’, abrirán o prazo de inscrición o 10 de setembro e manterán a súa dotación neste 2021 ao repartir un total de 7.500 euros entre as persoas gañadoras da ducia de categorías nas que se divide o certame