Fotolingua 2019
O 9 de maio abre o prazo para participar na cuarta edición do #Fotolingua, o concurso que pretende darlle visibilidade aos establecementos comerciais da cidade que se comprometen co uso do galego.
Para participar no certame só é preciso publicar nas redes sociais Facebook ou Instagram unha imaxe na que se transmita a vitalidade da nosa lingua na actividade dunha empresa da cidade. A participación estará aberta ata o 7 de xuño.
As imaxes teñen teñen que ser de autoría propia e cómpre engadirlle as etiquetas #fotolingua, #establecementosengalego e ogalegovende. Debe reflectir claramente o uso do galego nun establecemento comercial ou hostaleiro, en calquera soporte visible para o público (escaparates, carteis, rótulos, etiquetaxe, cartas, anuncios...) e pode tirarse co móbil ou con calquera outro dispositivo. Tamén se poden engadir comentarios ou recomendacións que axuden a chamar a atención sobre o establecemento, situalo ou coñecer a súa oferta.
O concurso dispón de dúas modalidades: premio do público e premio da organización. Para obter o premio do público a imaxe terá que ser a que máis "gústame" teña. Para lograr o premio da organización, a imaxe terá que ser a máis orixinal e creativa á hora de transmitir a mensaxe: #ogalegovende. Está en xogo unha tableta Huawei Mediapad para cada concursante que acade o galardón.
Entre o 9 de maio e o 7 de xuño ábrese o prazo para participar nesta edición do concurso.