Moita retranca e algunha sorpresa youtubeira

Xeral
30/10/2019

A actriz Patricia de Lorenzo, transformada en Isaura, a súa coñecida personaxe na peza teatral Fillas Bravas do Grupo Chévere, conduciu a gala, mentres que Manu TF puxo a música e Iria Fafián elaboraou en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s, iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

O leitmotiv xirou arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadores e creadoras dixitais galegas, seguindo o lema desta convocatoria “Conéctate á comunidade e multiplícate”. Precisamente estas idea, de comunidade viva e en contrución, inspirou a escenografía do evento no Teatro Principal, ao longo do cal fomos vendo anacos dos traballos finalistas e captando a emoción dos gañadores e gañadoras.

Cada un dos premios foi entregado por representantes das institucións que organizan o programa e tamén se intercalaron as palabras de Noa Díaz Varela, concelleira de Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago, anfitrión do acto, do secretario do xurado, o técnico de normalización do Concello de Teo, Roberto Rielo, e da coordinadora do programa, Mónica Valencia, técnica de normalización do Concello de Ourense.

Case ao final, e antes das fotos de familia, chegou por sorpresa un vídeo-saúdo de Xosé Ramón Gayoso, desde o plató do Luar, nun xogo de interaccións entre os diferentes medios, o real e o virtual.

 

Resumo: 

O venres 29 de novembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela repartíronse 6500 euros nas nove categorías da III edición do certame Youtubeir@s