
#galegoempresas é unha plataforma web que pretende a visibilizar e aumentar o uso do galego no sector socioeconómico compostelán. Ten tres obxectivos concretos:
- Facilitar a localización de empresas que ofrecen servizos en galego na contorna de Compostela.
- Achegar maior difusión ás empresas que empregan o galego.
- Contar con información detallada sobre o uso do galego no ámbito empresarial.
As empresas poden incorporarse á web cun procedemento sinxelo: deben cubrir un formulario de autodiagnose e, unha vez que sexa validado, completar toda a información útil para presentar a súa empresa (logo, enderezo, descrición, imaxes, ligazón á web, redes sociais). A partir dese momento, a súa ficha está dispoñible para o público cunha valoración da porcentaxe de uso do galego que ofrecen, desagregada por ámbitos.
Calquera persoa que consulte a páxina pode realizar a súa busca pola localización xeográfica, por sectores de actividade ou simplemente polo seu nome para atopar rapidamente a empresa ou empresas que poden satisfacer a súa demanda cun plus de comunicación na nosa lingua.
Ademais das fichas de empresas e da información necesaria para incorporarse, a web de #galegoempresas facilita o acceso a algúns recursos lingüísticos en liña e complétase cun pequeno argumentario a prol do uso do galego neste ámbito.
Empresas de calquera ámbito.
Público xeral.