Galego para sempre

30/10/2019

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, entregaron aos responsables das funerarias Apóstol Santiago, Casablanca e Albia o Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios. En vésperas de datas sinaladas de lembranza das persoas queridas falecidas, o Concello ofrece así ás empresas un incentivo para ofrecer os servizos funerarios en galego e para facilitar o uso correcto e normativo do idioma.

A concelleira de Políticas Lingüísticas agradeceu ao Concello de Ames que cedera o contido do manual, agora reeditado e actualizado. Na súa intervención tamén puxo de manifesto a anomalía que supón que persoas que "se expresaron e viviron en galego sexan despedidas noutra lingua". Neste sentido, animou a desterrar prexuízos e a ofrecer os servizos funerarios tamén en galego, tal como sucede noutros ámbitos.

Na mesma liña se pronunciou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen apuntou que este manual pretende contribuír a "facer normal o que xa debería ser normal", en alusión ao emprego do galego nas honras fúnebres, e animou ás empresas relacionadas a que ofrezan os seus servizos en galego.

Os representantes das tres funerarias apuntaron que a publicación reforza unha oferta en galego que xa veñen prestando. En particular, valoraron a súa utilidade para solucionar dúbidas sobre a corrección dos textos empregados nos ritos funerarios e o uso correcto do idioma. No acto participaron Alberto Gianzo e José Antonio Duro, de Albia Servizos Funerarios; José Manuel Fuentes, de Casablanca; e José Domínguez, de Funeraria Apóstol.

O manual tamén se vai ofrecer a marmorarías, florarías e outras empresas que ofreen sevizos relacionados.

O nanual inclúe modelos de textos, nomes de lugares, parroquias e cemiterios, propostas de contido para diferentes actos, vocabulario etc., e foi adaptado a Compostela a partir do xa elaborado polo Concello de Ames para a campaña Galego para sempre.

Resumo: 

O alcalde e a concelleira de Políticas Lingüísticas trataron coas empresas funerarias de Compostela sobre o uso do galego nos actos de despedida e lembranza das persoas que nos deixan.