Finalistas do programa Youtubeiras

Xeral
24/01/2023

O sábado 28, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2022. Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O certame repartirá 7500 euros en premios entre as persoas gañadoras, que tamén recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

“Para Carballo é unha gran satisfacción celebrar esta gala, xa que os Premios Youtubeiras son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”, sinalou Marcos Trigo, concelleiro de Cultura e Deportes de Carballo, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras; Cristina Collazo, guionista e presentadora da gala, e Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio Youtubeira/o en 2021 e membro do xurado.

Trigo tamén puxo en valor “a colaboración institucional entre diversas administracións” na creación, organización e desenvolvemento do proxecto Youtubeiras. Ademais, lembrou unha serie de cifras que retratan esta iniciativa dende a súa posta en marcha. Neste senso destacou, que os vídeos participantes na primeira edición celebrada en 2017 foron 202, mentres que a cifra subiu até superar os 500 en 2020. Nas dúas últimas edicións, as bases do certame prestaron unha maior atención ás canles, de xeito que en 2021 concorreron 38 canles e no 2022, foron 75.

“Fantástica festa”

Carme Pereiro, como coordinadora do proxecto, completou as cifras achegadas polo concelleiro carballés. Á espera dunha análise máis detallada, lembrou que na edición anterior as canles presentadas aglutinaban “2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións”. “Son números que dan boa conta do volume que acada a comunidade creadora de contidos da nosa lingua na Rede. Unha comunidade que nos enche de confianza no futuro e tamén de orgullo, de fachenda. E non só polas cifras, senón tamén pola calidade dos contidos e o variado das temáticas tratadas. Por iso, este ano os Premios Youtubeiras tiveron na frase Para Rede, a nosa o seu lema, un lema ben enérxico e ben decidido”, concluíu Pereiro antes de ceder a palabra a Cristina Collazo e lembrar que a música na gala correrá a cargo de LaMontagne e PicoAmperio.

A guionista e presentadora adiantou que o sábado o Pazo da Cultura acollerá unha “gala dinámica e interactiva” na que o público terá un “gran protagonismo”, na que se fomentará a “participación do patio de butacas” e que estará “chea de sorpresas”. “Teremos como presentadora a Rafaela de Carral, que conducirá a gala ao xeito dun concurso televisivo”, sinalou Collazo antes de rematar cunha promesa: a gala será “unha fantástica festa”. De feito, tras rematar a entrega, no Pazo da Cultura continuará a celebración con petiscos, posadoiro de vídeo 360º graos e música en galego a cargo de DJ Misa.

Finalmente, Mario Brión tomou a palabra para dar a perspectiva do xurado, que nesta edición estivo conformado tamén por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Na súa intervención, Mario Brión destacou o amplo traballo que tivo que desenvolver o xurado este ano, a diversidade temática desta edición e o complexo que resultou acordar o palmarés que se desvelará este sábado durante a gala. Finalmente, rematou salientando o traballo das canles participantes, polo seu esforzo e por tecer comunidade na creación dixital en galego.

 

Relación de finalistas por categorías

1. PREMIO CANLE 

Toxío: https://www.youtube.com/@toxio

Tonio Cociña Galega: https://www.youtube.com/@TonioCocinaGalega

Fica Coa Bola: https://www.youtube.com/@ficacoabola

 

2. PREMIO YOUTUBEIRA

Anxo Sánchez: https://www.youtube.com/@AnxoSanchez

Neeumátiko: https://www.youtube.com/c/neeumatiko

La Bisonte: https://www.youtube.com/@LaBisonte   

 

3. PREMIO VÍDEO

‘A Moura’, da canle Contos de Santalla:

https://www.youtube.com/watch?v=l06mWqUkccA&ab_channel=ContosdeSantalla

‘Bury your gays (Enterra aos teus homosexuais)’, de Henfunk Studio

https://www.youtube.com/watch?v=I6xrtlCh4Ak&ab_channel=HenfunkStudio

‘Eduardita’, de Piratas sen parche

https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche

 

4.YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN

Marcos Borragueros: https://www.youtube.com/@marcosborrageros

Histérikas Histórikas: https://www.youtube.com/@histerikashistorikas8593

Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia

 

5. PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA 

Media Laranxahttps://www.youtube.com/@medialaranxa8828

Falemos do Reino de Galicia: https://www.youtube.com/@falemosdoreinodegalicia

Webserie Cóntallo a Cambados:

https://www.youtube.com/@webseriecontalloacambados5419

 

7. PREMIO PIONEIRO

Noticia dispersas: https://www.youtube.com/@NoticiasDispersas

Gallifrey Ceive: https://www.youtube.com/@gallifreyceive

Pingado - Laura Veiga: https://www.youtube.com/@pingando_gal

 

7 PREMIO REDES:

Proxecto R.E.D.E.S. https://www.youtube.com/@proxectoredes

A Lobeira Today: https://www.youtube.com/@aLobeiratoday

Exército Mekemeke: https://www.youtube.com/@exercitomekemeke

 

8. PREMIO DO PÚBLICO

‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez e Sara:

https://www.youtube.com/watch?v=I7w2jtY78rI&ab_channel=XabiG%C3%B3mez

‘Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño’, de Orgullo Galego:

https://www.youtube.com/watch?v=wfsgyutRTyo&ab_channel=OrgulloGalego

‘Eduardita, de Piratas sen parche

https://www.youtube.com/watch?v=yRiNWfSvcnE&ab_channel=Piratassenparche

Resumo: 

A gala Youtubeira, na que coñecerán cales das 22 propostas finalistas foron as elixidas polo xurado, celébrase o 28 de xaneiro no Pazo da Cultura de Carballo