Entréganse os premios Fotolingua 2019
A imaxe premiada polo público, grazas aos seus 179 "gústame" orixinais, foi publicada en Facebook por Raquel Pombar o 15 de maio e recolle a fachada de Sondanza, en Conxo. O premio da organización correspondeu a Xaime Varela, seguidor constante do concurso dende a primeira edición, de quen se seleccionou a imaxe do 7 de xuño, tirada en Zara Home, pola súa especial carga irónica.
Nesta cuarta convocatoria do concurso Fotolingua participaron 229 imaxes que cumprían coas bases (na terceira foron 221 e na segunda 98). Tendo en conta todas as xeradas e compartidas grazas ao concurso, divulgáronse 643 imaxes que exemplifican o uso do galego no comercio composteláns. Nas redes do concurso superáronse as 12.000 impresións e contabilizouse un compromiso de 2.657 interaccións.
Fotolingua é un concurso de imaxes nas redes (Facebook e Instagram) que pretende darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial. "Deste xeito contribuímos a reforzar os establecementos que empregan a nosa lingua na súa oferta ou comunicación e, grazas á publicidade engadida, procuramos que outros se animen tamén a telo en conta", indicou Noa Díaz.
Complementariamente, na liña de fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico, o Concello de Santiago mantén varios programas, como a convocatoria de axudas e cheques de consultoría "Coidar para mellorar", a plataforma #galegoempresas ou os Premios Manuel Beiras.
Fotolingua diríxese directamente ao público observador e potencial comprador, ao que se invita a participar publicando imaxes da paisaxe comercial, a falar dos seus establecementos de referencia e a compartir a información sobre eles. Esta difusión entre a clientela é o mellor reforzo que se lle pode ofrecer aos negocios.
Durante a campaña de convocatoria distribúense fisicamente en comercios, hostalería e outras empresas folletos e vinilos para que informen do concurso e chamen a atención do seu público sobre a oferta en galego, o conviden a tirar unha foto e o convertan en divulgador. O deseño de todos os materiais e a xestión do certame foi realizada pola empresa Miranda Priestly.
Cada edición escóllense dúas imaxes gañadoras, unha seleccionada pola organización de entre as que mellor reflictan o espírito do concurso e outra elixida polo publico a través dos "gústame" que lle outorga na publicación orixinal.
A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, entregou os premios da IV edición do do concurso Fotolingua.
O acto tivo lugar no estudio Sondanza, onde Raquel Pombar realizou a fotografía publicada en Facebook que se fixo co premio do público. Tanto ela, como Xaime Varela, gañador do premio da organización, recibiron de agasallo unha tableta coa que continuar ampliando e divulgando o uso da lingua en Compostela e no mundo virtual.