Enreguéifate arrinca cunha oitava edición de puro magnetismo

Lupe Blanco, Jose Blas Piñeiro, Goretti Sanmartin, Maria Vazquez, Demetrio Gomez
Crianzas
Ensino
Mocidade
Xeral
08/10/2024

O Enreguéifate presentou este mediodía as novidades da súa oitava edición. O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe 20 accións formativas para o alumnado e un para o profesorado que se realizará en Carballo, un certame regueifeiro e un encontro de regueifa. 

Unha das novidades deste ano do certame é a ampliación de seis a oito os premios por cada unha das categorías, a xeral, aberta a calquera persoa, e a escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.

Enreguéifate, puro magnetismo!

Con este lema, a oitava edición deste proxecto colaborativo dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado. Terá lugar o venres, 18 de outubro, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Unha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición desde hoxe e até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica que enriquece a práctica educativa e o desenvolvemento no só cultural, senón tamén emocional, relacional e colectivo do alumnado. E faino, ademais, dun xeito lúdico e inclusivo, dúas das claves do seu éxito.

As alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria e da ESO volven ser o destino principal deste certame Enreguéifate. Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas.

Prazo e categorías do certame regueifeiro

Con esta oitava edición do Enreguéifate volve tamén unha das súas citas imprescindibles, o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame.

As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.

“Estamos nun gran momento para facer visible e valorar, máis ca nunca, esta parte da nosa tradición, do noso patrimonio inmaterial. Especialmente, tendo en conta que a regueifa, por ser unha das expresións representativas da poesía popular oral, será tamén protagonista das Letras Galegas 2025, representadas nas figuras das cantareiras de Cerceda, Adolfina e Rosa Casás, a muxiá Eva Castiñeira, e as malpicás Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, tres das Pandeireteiras de Mens”, indicou a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.


Resumo: 

Este programa colaborativo reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.