Club de Debate 2023

Ensino
18/01/2023

O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, organizado por varios concellos galegos, que conta coa colaboración dos centros de ensino secundario e que vai pola XI edición.

Está coordinado desde os servizos de normalización dos concellos e a participación formalízana os centros.

Desenvólvese como un torneo por equipos, con debates dous a dous nunha fase de zona e nunha final, nas que todos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto, a favor e en contra.

Os equipos inscritos participan previamente nunha xornada de formación para orientar a práctica de habilidades comunicativas e coñecer mellor o funcionamento dos debates.

A organización, as normas dos debates, os criterios de valoración etc., están recollidos no regulamento da actividade.

Nas redes sociais do programa atópase moita información sobre o desenvolvemento: Facebook  Instagram

 

2. A quen vai dirixido?

Rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora (docente, PAS…)

 

3. Cales son os obxectivos?

Preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera).

Os contidos que se traballan teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos. Teñen moita importancia no programa o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e do traballo en equipo.

 

4. Que precisamos?

Precisamos a implicación dos centros e do profesorado para:

    • Difundir a convocatoria entre o alumnado interesado.
    • Animar a participación do profesorado e do alumnado para que formen equipo(s) e se inscriban.
    • Traballar co(s) grupo(s) participantes na preparación do(s) debate(s).

Precisamos tamén a implicación do alumnado:

  • Anotándose para participar nun grupo.
  • Traballando convenientemente a preparación dos debates.
  • Respectando as regras de funcionamento.

 

4          Como hai que inscribirse?

Cómpre cubrir este formulario en liña antes do 31 de xaneiro de 2023.

 

5. Cal é a recompensa?

  • Participar dunha experiencia que resultou moi gratificante para quen se anotou noutras edicións e na que o alumnado pode coñecer e convivir con rapaces e rapazas doutros centros e doutros concellos.
  • Adquirir habilidades para razoar e practicar a lingua e traballar doutro xeito algúns dos contidos e obxectivos do currículo educativo.
  • E, algúns premios:

Fase comarcal: dous premios, un de 500 € para o equipo gañador e outro de 300 € para o segundo.

Fase final: unha  viaxe multiaventura dunha fin de semana na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.

 

6. Sobre que se debate?

O tema da final galega decídese entre os concellos organizadores e trata dalgunha cuestión relacionada co uso da lingua.

Na fase comarcal debátese sobre un tema específico, controvertido e de actualidade. Os centros anotados poden enviar propostas aos servizos de normalización lingüística e a escolla faise contando con todas as opinións.

Resumo: 

Convocatoria para equipos de centros de secundaria