Club de debate

Ensino

Unha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión, o debate sobre temas de actualidade e o traballo en equipo.

 

Crea espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través de xornadas de formación, traballo de investigación e ensaio, e intensas xornadas de debate con tempo para o lecer.

 

Oriéntase a estudantado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, coa axuda de profesorado que prepara os equipos. 

 

Cada equipo está formado por un grupo mixto de alumnado (entre 4 e 10 membros) que traballa durante varias semanas na preparación dun tema para defendelo na xornada de zona, sempre argumentando as dúas posicións: a favor e en contra. Antes de comezar a súa preparación, os equipos de cada zona asisten conxuntamente a unha sesión formativa na que se familiarizan co desenvolvemento dos debates e tamén reciben orientacións relacionadas coa comunicación oral.

 

O xurado que valora os debates, formado por especialistas en comunicación desde diferentes ámbitos, emite as súas puntuacións para cada equipo ao final da xornada con base nun amplo número de items previamente coñecidos. Os dous equipos mellor clasificados de cada zona reciben cadanseu premio de contido cultura, valorados en 500 e 300 euros, e o equipo gañador absoluto goza dunha fin de semana de convivencia nun espazo multiaventura onde entra en contacto con outras realidades lingüísticas e realiza diversas actividades de animación sociolingüistica e cultural.

 

Todo o desenvolvemento das sesiónos e a súa valoración recóllense con detalle no Regulamento do Club de Debate que rexe a actividade.

 

Dirixido a: 

Centros de ensino de secundaria. Para alumnado de 3º e 4º da ESO ou 1º de BAC (ou cursos equivalentes)