Axudas para mellorar a comunicación comercial en galego 2020
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria do programa "Coidar para mellorar", dirixido principalmente ao comercio local para fornecerlle asesoramento especializado e axudas económicas en varios ámbitos.
Como en anos anteriores, este programa, que lidera o departamento de Comercio, inclúe cadansúa liña dedicada á comunicación comercial en galego nas modalidade de cheque de consultoría e subvención. Como novidades, esta convocatoria amplía substancialmente as posibilidades de intervención ao sumar ás xa habituais axudas, centradas na adecuación física dos locais ou da comunicación xeral dos negocios, outras opcións para mellorar a presentación do produto, o comercio electrónico ou a mercadotecnia dixital. Por outra parte tamén se amplían os fondos dispoñibles en cada unha das convocatorias, que se publican simultaneamente para ofrecer ao sector un abano de axudas que incidan na súa recuperación e impulsen melloras significativas cara ao futuro.
No que toca ao uso da lingua, amplíanse a 17 os cheques de asesoramento en comunicación comercial e, inicialmente, están dispoñibles 15.000 euros para subvencións ao desenvolvemento dos proxectos comunicativos, que poderán ampliarse en función das solicitudes que se presenten.
O procedemento de solicitude tamén sufriu algún cambio a respecto doutras convocatorias anteriores para simplificar e falicitar os trámites. Nesta ocasión, no momento de solicitar a axuda só cómpre presentar cuberto o formulario e é nunha fase posterior, unha vez xa confirmada, cando se teñen que achegar o resto dos documentos.
As bases completas das convocatorias están dispoñibles na páxina coidarparamellorar.santiagodecompostela.gal, aínda que o prazo de solicitude (20 días hábiles) non comezará a contar en tanto non sexan publicadas no BOP da Coruña. Malia que as bases sinalan todas as normas das convocatorias, nos vindeiros días, no mesmo enderezo poderán atoparse máis explicadas e, partir do día 8, estarán dispoñibles un formulario e un teléfono para consultar calquera dúbida.
Tamén é posible contactar co Departamento de Lingua para as cuestións relacionadas coas liñas de axuda para comunicación comercial no noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal
Apróbanse as convocatorias de cheques de consultoría e subvencións para o comercio