Asesoramento e formación para negocios
A Xunta de Goberno aprobou as bases para a convocatoria de 36 cheques de consultoría para o comercio local nas seguines modalidades:
- Comunicación (12 cheques)
- Escaparatismo e mercadotecnia visual (12 cheques)
- Transformación dixital (12 cheques)
A práctica de anos anteriores ponnos de manifesto que a prestación ao sector comercial dun servizo de avaliación e titoría para detectar e priorizar as necesidades e guiar os procesos de mellora é unha acción de grande interese para gañaren competitividade. Esta proceso permite que os negocios beneficiarios optimicen recursos, tanto os propios como os que poidan obter por resultaren tamén beneficiarios doutras subvencións públicas.
Os cheques de consultoría son unha subvención en especie mediante a cal as empresas beneficiarias reciben un servizo de asesoramento profesional. Este asesoramento comeza cunha análise da situación de partida para identificar e ordenar as solucións mais adecuadas, tendo en conta as circunstancias do negocio, e ofrecer un apoio inicial para o proceso de mellora. O resumo da análise e o plan priorizado de actuación plásmase nun docuemnto sintético que se entrega á persoa beneficiaria para que lle sirva de guía para futuras accións. Ademais, os cheques complétanse con formación na materia correspondente.
As empresas poden solicitar a(s) modalidade(s) da súa elección dentro das tres dispoñibles. As bases da convocatoria, aprobada na Xunta de Goberno do 13 de setembro, inclúen todas as normas sobre requisitos, prazos, procedemento e prestación destas axudas en especie.
A modalidade de comunicación, que corresponde ao Departamento de Lingua, dedicarase a formular para cada negocio beneficiario as propostas que lle resulten máis útiles para achegarse á clientela desde unha perspectiva realista e viable, procurando, ademais, fornecer información, ferramentas, argumentos e habilidades para implementar unha cultura comunicativa máis eficaz e na nosa lingua.
O prazo abre o 21 de setembro, logo da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. A solicitude cómpre presentala a través da sede electrónica do Concello, escollendo o trámite "solicitude de subvención" e incluíndo formulario CS006DH
Ábrese a convocatoria de cheques de consultoría para o sector comercial