Adiantamos as bases da convocatoria Youtubeir@s 2020

Xeral
21/04/2020

A partir do 27 de maio próximo xa se poden presentar as novas creacións ao certame Youtubeir@s 2020.

As entidades organizadoras deste proxecto acordaron facer públicas as bases antes de iniciar o prazo de participación para facilitarlles a todas as persoas interesadas as condicións que deberán reunir para optar a algún dos galardóns. Deste xeito, a vitalidade creativa que se está amosando durante o período de confinamento poderá canalizarse tamén á participación nos premios.

Youtubeir@s, tanto con estes premios como coas demais actividades que inclúe -formación, divulgación, encontros coa comunidade etc.-, ten como obxectivo ampliar o uso do galego na produción audiovisual non profesional que se distribúe polas redes, convidando as persoas a compartiren contido en galego e a incorporaren a nosa cultura, as nosas tradicións e o noso saber a estas canles e colaborando a difundir os traballos e as persoas que os producen para crear e asentar a comunidade youtubeira.

O evento máis sobranceiro do programa, activo desde 2016, é a convocatoria anual do concurso, que este ano incorpora novidades. A primeira e máis destacada é a modificación e ampliación de categorías, que pretende dar cabida á totalidade de xéneros que se están producindo e tamén recoñecer un máis amplo abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro. Como resultado desta modificación aumenta tamén o orzamento dedicado aos premios.

Establécense tres categorías principais dotadas con 1.000 euros cada unha:

CANLE

YOUTUBEIR@

VÍDEO

Dótanse asemade con 500 euros outros nove premios nas seguintes modalidades:

CALIDADE LINGÜÍSTICA

IMPACTO

CALIDADE TÉCNICA

COMUNICACIÓN

CREATIVIDADE

MUSICAL

DIDÁCTICO

PIONEIRO

DO PÚBLICO 

As persoas que desexen participar no certame deben ter en conta que os traballos teñen que estar publicados despois do 27 de setembro de 2019 e cumprir co resto das especificacións que recollen as bases da convocatoria

Youtubeir@s é un programa que organizan e manteñen os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Rianxo, Teo e O Grove, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo ademais da Deputación da Coruña.

 

 

Resumo: 

Adiantamos as bases dos Premios Youtubeir@s 2020