Abre a inscrición nos premios Youtubeiras 2022

Xeral
28/09/2022

Co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, convócase unha nova edición dos premios Youtubeiras.

O prazo de inscrición estará aberto do 27 de setembro ao 15 de novembro.

As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro foron as novidades que se anunciaron en Pontevedra na rolda de presentación da edición 2022-2023 á que asistiron representantes das administracións organizadoras.

A sexta edición dos premios desenvólvese baixo o lema “Para rede, a nosa" , que resume os obxectivos desta convocatoria, que se centran en reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización, poñer en valor a súa figura e fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube. “En definitiva, crear liñas de acción para que Youtubeiras sexan máis ca uns premios”, segundo se explicou na presentación.

Os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público, segundo as bases publicadas en www.youtubeiras.gal.

Mudanzas nas categorías

É precisamente nas categorías onde se produce unha das primeiras novidades deste ano, xa que aparece por vez primeira o apartado de youtubeira/o revelación. Ademais, modifícanse as contías dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros. Este ano, ademais, volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco. 

Datos de 2021

Na edición anterior inscribíronse un total de 44 canles, das que cumprían integramente as bases 38 que, no seu conxunto, reunían unha produción de 2.613 vídeos. As subscricións totais destas canles superan as 40.000, mentres que as visualizacións en conxunto ascenden a máis 2.743.000.

En canto ao número de vídeos e a evolución do proxecto, a cifra achega unha radiografía do efecto de Youtubeiras na produción de contidos: en 2017 concorreron 202 vídeos, mentres que na convocatoria de 2020, durante a pandemia, a cifra ascendeu até os 536.

Xurado e entrega dos premios

O xurado, que decidirá quen gaña en sete das oito categorías do certame, estará formado por: Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

 

Resumo: 

Os Premios Youtubeiras abren o prazo de inscrición da súa sexta edición e desvelan a composición do xurado que decidirá en xaneiro as persoas gañadoras