Abre a inscrición na VII edición do certame Enreguéifate

Xeral
15/01/2024

Enreguéifate, proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, a través dela, á promoción do uso da lingua galega. 

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa. 

Igual que nas edicións anteriores, neste sétimo ano do certame volverá haber dúas categorías no concurso: escolar e xeral, aberta esta última a toda a cidadanía. Nunha e noutra categoría entregaranse un total de seis premios, que valorarán a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

A gala de entrega dos galardóns será durante a mañá do mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. 

 

Temos madeira regueifeira!”.

Con este lema, o Enreguéifate volveu, un ano máis, fiel ao obxectivo de promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción do uso da lingua galega. Desde o pasado mes outubro de 2023, no marco do certame  realizáronse máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.  En Santiago de Compostela desenvolvéronse existosamente 20 obradoiros en cinco centros de ensino: CPR Vilas Alborada, CEIP Lamas de Abade, CEIP Pío XII, IES Arcebispo Xelmírez II e IES Antonio Fraguas.

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces foron este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas, organizadas polos servizos de normalización lingüística dos cinco concellos impulsores da iniciativa.  O obxectivo destes obradoiros é tamén animar as e os escolares a participar na sétima edición do certame de regueifas en vídeo.

Ademais, por segundo ano consecutivo, tamén nesta sétima edición o proxecto Enreguéifate veu acompañado dun obradoiro para profesorado, impartido o 6 de outubro de 2023 no Espazo Apego do Concello de Santiago, da man de Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro, ademais de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, formadores do Enreguéifate. Nel, participaron corenta docentes de toda Galicia, que puideron achegarse ou dar un paso máis no mundo da improvisación oral en verso e as súas potencialidades educativas. O obxectivo, que xa está a dar os seus froitos, é que profesoras e profesores multipliquen a madeira regueifeira entre o seu alumnado, para estimulalo tamén a participar no certame Enreguéifate.

 

Prazo e categorías do certame

O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo está aberto desde o 12 de xaneiro ata o 1 de marzo de 2024. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles as bases: www.enregueifate.gal

As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo en que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.

A presentación do certame celebrouse no Pazo de Raxoi e participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados do Concello de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate.

“Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega”, explicou Goretti Sanmartín.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso.

 

 

 

Resumo: 

O Enreguéifate convoca a súa sétima edición baixo o lema "Temos madeira regueifeira!"