Abeluria, Komic e Orixe, Premios Manuel Beiras 2022

Empresas
Xeral
20/12/2022

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio manteñen desde o ano 2000 un acordo de colaboración para a convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.

‘Prende o galego. Brilla con luz propia’ foi o lema da edición deste ano.

O Teatro Principal acolleu o luns 19 de decembro a gala de entrega dos premios, que foi conducida polo grupo compostelán Os da Ría. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol, e María Pais, vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio, foron os encargados de entregar os galardóns nun evento ao que tamén asistiron representantes do tecido empresarial da cidade así como membros da Corporación Municipal, da Cámara de Comercio e da familia Beiras.


O xurado estivo este ano composto por cadanseu membro nomeado polo Concello, a Cámara de Comercio de Santiago, ademais da Universidade de Santiago, o Colexio Oficial de Xornalistas, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Unión de Consumidores de Galicia e cada unha das empresas premiadas na edición anterior: Creativas Galegas, Vide Vide! e Código Cero.

 

     

Empresas premiadas

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, obtivo o premio Kómic Librería, un establecemento especializado no corazón do Ensanche santiagués que leva 35 anos guiando a súa clientela polo mundo das historias ilustradas e procurando que cada día máis o galego sexa parte dese universo creativo e a escolla das persoas que o transitan.

Na categoría de nova incorporación ao galego, o xurado decidiu outorgar o Premio Manuel Beiras á empresa Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, consultora situada no rural de Compostela que desde 2018 fornece servizos ás entidades de economía social. Na misión de contribuír ao fortalecemento do sector e das súas redes, emprega coherentemente o galego como soporte de traballo e vehículo dos seus valores.

O xurado resolveu concederlle o Premio Manuel Beiras na categoría de empresa cunha comunicación innovadora ao Orixe Gastronomía Galega, un restaurante e unha tenda de ultramarinos, dúas caras para un negocio que se reivindica picheleiro e aborda con sobranceira calidade unha estratexia comunicativa completa, presencial e virtual, na que a nosa lingua se presenta como parte esencial da marca.
 

Resumo: 

O Teatro Principal acolleu a entrega dos galardóns da XXIII edición